Εἴ τι καλὸν μανθάνουσιν οἱ νεανίαι ἐν τῇ ψυχῇ αὐτὸ φυλάττουσιν.



martes, 24 de enero de 2012

HADES

HADES,#Anax twn enerwn (Señor dos que están baixo terra)
         HADES (PLUTÓN)

  Hades é fillo de Crono e Rea e, polo tanto, irmán de Zeus, Hera, Poseidón, Deméter e Hestia. No reparto que fixo do Universo con Zeus e Poseidón correspondeulle o mundo subterráneo, onde reinaba en solitario, visitando só en raras ocasións o Olimpo.
  É o deus do mundo subterráneo e dos mortos, con fama de ser cruel e despiadado cos pecadores. 
  Os Cíclopes regaláronlle un casco de pel de can que o facía invisíbel e lle permitía subir á superficie da terra sen ser visto. Con el logrou desarmar a Crono mentres Zeus o fulminaba. Son plantas de Hades o ciprés e o narciso.
  O nome de Hades parece significar o invisíbel, e raramente era mencionado por temor a excitar a súa cólera, utilizándose eufemismos no seu lugar. O sobrenome máis habitual era o de Plutón (“o Rico”), que alude ás riquezas inesgotábeis da terra. Homero chámalle “señor dos que están baixo a terra”, “infranqueábel celador”, “o que cerra a porta”, “monstruoso”.
  A Hades, polo xeral, non se lle rendía culto, nin se construían templos ou santuarios na súa honra.
  Chamábase tamén Hades o lugar onde ían os mortos.

O rapto de Perséfone

   Cóntase que Perséfone fora raptada por Hades e levada ao mundo subterráneo. A súa nai Deméter, angustiada, percorreu toda a terra buscándoa até que, informada do seu paradeiro, a reclamou. Como non podía volver ao mundo dos vivos, chegouse ao acordo de que Perséfone pasase un terzo do ano co seu home no mundo subterráneo, e o resto coa nai na terra. Este mito simbolizaba para os gregos o ciclo da vexetación, pois en primavera a deusa Deméter alédase coa chegada da súa filla e a natureza florece de novo (cf. Deméter).

O Hades

  O mundo dos mortos ou Hades estaba separado do dos vivos polo río Aqueronte (ou a lagoa Estixia). Un barqueiro, chamado Caronte, pasaba os mortos ao outro lado a cambio dun óbolo –moeda que se lles poñía aos cadáveres nos beizos-. A porta do Hades estaba gardada por Cérbero, o can de tres cabezas e cola de serpe, que era amábel cos que entraban mais implacábel cos que querían saír. Xa no Hades, un tribunal formado por Minos, Éaco e Radamantis xulgaba as almas. Os grandes criminais ían ao Tártaro, fronte aos  benaventurados que ían aos Campos Elíseos.
  Existía tamén no mundo subterráneo o río Leteo, onde bebían ou se bañaban as almas dos mortos para esquecer a súa vida terrestre.

Hipno e Tánato

  Hipno, personificación do sono (upno"=sono), e Tánato, personificación da morte ( qanato"=morte) son irmáns xemelgos, fillos da Noite e do Érebo. A arte representa a Hipno como un mozo con dúas ás nas tempas ou nos ombros, que percorre velozmente a terra aletargando a todos os seres; habita, segundo Ovidio, nun palacio encantado onde todo dorme unha especie de sono máxico. Tánato adoita ser representado, igual que o seu irmán, como un xenio alado, aínda que máis vello, con barba áspera e aparencia máis ruda. Ambos aparecen frecuentemente nos lecitos collendo un cadáver, un pola parte superior e o outro polos pés.

As Moiras (Parcas)

   Son unhas divindades temíbeis presentadas como tres irmás, Cloto (a que fía), Láquese (a que asigna os lotes) e Átropo (a inflexíbel), que fían o fío da vida humana. A primeira fiaba, a segunda ensarillaba e a última cortaba o fío. Co tempo a imaxe das Moiras foi facéndose máis abstracta até acabar representando a forza do destino.

As catábases

  Tres foron os principais heroes que baixaron ao Hades e regresaron á terra vivos. Un deles foi Heracles, que baixou na procura de Cérbero, no seu undécimo traballo, para levarllo a Euristeo.
  Conta Homero na Odisea que a maga Circe envía a Odiseo ao Hades para interrogar ao adiviño Tiresias. Éste infórmalle acerca do seu regreso a Ítaca e predícelle unha morte feliz a idade avanzada.
  Orfeo baixou ao Hades en busca da súa muller Eurídice, morta pola mordedura dunha serpe nun pé. Orfeo, coa súa música, enfeitizou os deuses infernais e logrou que a deixasen saír do mundo subterráneo, pero coa condición de que non volvese a cabeza para mirala antes de chegar ao mundo dos vivos. Orfeo incumpriu a condición e perdeu a Eurídice para sempre.

Castigos eternos

  Segundo a mitoloxía, aqueles mortais, que por exceso de orgullo (hybris)  ofendían de maneira especial aos deuses, eran enviados ao Tártaro e alí sufrían un castigo eterno. Así pasoulle a Tántalo, fillo de Zeus, quen sufriu un suplicio eterno consistente en estar mergullado nun lago até o colo con árbores cheas de froitos sobre a cabeza pero sen poder beber nin comer. Cando o intentaba, a auga retirábase e as ramas afastábanse elevadas repentinamente polo vento. Segundo outra versión, o seu castigo consistiu en ter unha rocha suspendida sobre a súa cabeza e a punto de caer.
   Outro castigo eterno famoso foi o de Sísifo, o máis astuto dos mortais, condenado por denunciar a Zeus polo rapto  de Exina. O castigo consistiu en empurrar unha enorme rocha até o cumio dunha pendente, desde onde caía de novo impelida polo seu propio peso, véndose Sísifo obrigado a empurrala outra vez.
  Tamén é famoso o de Prometeo, quen, por enganar a Zeus, foi atado a unha rocha no Cáucaso, onde todos os días unha aguia lle devoraba o fígado.
   Por último, o heroe Ixión foi castigado a xirar eternamente atado a unha roda, por intentar seducir a Hera.

Matrimonio e descendencia

   Hades casou con Perséfone e parece ser que esta unión foi infecunda.


1 comentario:

Unknown dijo...

Profe, el epíteto al principio se ve en letras latinas!
Israel