ORFEO
Ode a Orfeu
Pai e señor deus do encantamento
e da armonía: puxeche orde
no mundo e tenrura no noso
fleve corazón salvaxe e bárbaro.
Non teño a tua inefabel lingoaxe
sen palabras. Poño, no teu altar
sagrado, estes soídos duros,
sen concerto,
como informes seixos sen luír.
Ampárame. Concédeme o teu favor:
o son divino da tua lira para
que poida amansar e humanizar
á fera feroz que levo dentro.
Manuel María, As lúcidas lúas do outono, ed. Vía Láctea, Oleiros, 1988
Orfeo é o prototipo de cantor, músico e poeta, que coa súa música amansa as feras salvaxes, conmove as árbores e as pedras, suaviza o carácter dos homes máis feroces e mesmo chega a conmover ás divindades infernais. Simboliza o poder da música sobre a natureza en xeral, o poder civilizador da música sobre os costumes bárbaros de Tracia.
A súa historia con Eurídice é, desde logo, unha fermosa historia, a do amor que busca sobrevivir á morte. Pero non é só ese amor o que lle permite entrar no Hades, senón sobre todo o poder da música. Ademais el morre por amor, xa que é o seu amor a Eurídice o culpábel de que as mulleres o maten. Orfeo é, polo tanto, símbolo do poder do amor e da música por enriba da morte.
Represéntase como un mozo vestido cunha túnica, coa cabeza coroada de loureiro, tocando a cítara ou outro instrumento de corda e rodeado de animais enfeitizados pola súa música.
1.- Liñaxe e primeiras fazañas
Orfeo naceu en Tracia. Era fillo dunha musa, tal vez Calíope, e do deus Apolo, aínda que outros din que o pai de Orfeo era o rei tracio Eagro. Dos pais herdou a súa aptitude cara a música. Tocaba a lira e a cítara, cuxa invención se lle atribuía ou, cando menos, o feito de lle aumentar dúas cordas máis até chegar a nove en honor das musas.
Orfeo participou na expedición dos argonautas, marcando a cadencia dos remeiros e calmando as enfurecidas ondas mariñas. Desempeñou un papel decisivo cando a nave tivo que pasar ante as terríbeis sereas, cantando tan marabillosamente que logrou anular o feitizo destas traizoeiras criaturas, de maneira que os argonautas non sentiron a tentación irresistíbel que provocaba o seu canto. Só Butes se lanzou ao mar, pero foi salvado por Afrodita. Logo, xa na Cólquide, algunhas versións din que foi o cantor tracio quen coa súa música adormeceu o monstro que vixiaba o vélaro de ouro.
2.- Descenso ao Hades en procura de Eurídice
Orfeo namorouse dunha ninfa das árbores ou dríade, chamada Eurídice. Casaron e foron moi felices, até que un día a ninfa, que paseaba pola beira dun río, foi acosada por Aristeo con intención de violala. Eurídice botou a correr pero foi mordida por unha serpe velenosa no pé e morreu. Orfeo, desacougado, non achaba consolo. Así que decidiu baixar ao Hades en procura da súa amada esposa. Alí, coa súa música, conseguiu conmover a Caronte para que lle cruzase na barca, e a Cérbero para que lle deixase entrar. Mesmo din que paralizou por un momento algúns dos castigos eternos máis famosos: a rocha de Sísifo parou, a roda de Ixión deixou de xirar, as Danaides cesaron de encher o seu tonel sen fondo e esqueceu a sede e a fame Tántalo. Tamén din que fixo chorar ás monstruosas Erinias. Logo presentouse ante o mesmo deus Hades e a súa muller Perséfone, e interpretoulles melodías cheas dun sentimento tal que os deuses, enfeitizados por elas, accederon a que Orfeo se levase a Eurídice. Mais puxeron unha condición: que non se volvese a mirala até chegar ao mundo dos vivos, pois de facelo perdería a Eurídice para sempre. Comezaron o camiño de regreso, el diante, ela detrás acompañada por Hermes. Cruzaron o mundo das sombras e, cando estaban a punto de acadar o limiar que separa o mundo dos mortos do dos vivos, Orfeo sentiu a necesidade de comprobar se os deuses non se burlaran del e Eurídice o seguía. Volveuse cara atrás e, nese preciso momento, a ninfa desapareceu. Orfeo intentou de novo recuperar a súa amada Eurídice, pero esta vez foille negado o acceso ao mundo subterráneo.
Houbo tamén outros heroes que baixaron ao Hades. Este é o caso de Odiseo que baixa a consultar a sombra do adivino Tiresias sobre o seu regreso a Ítaca; ou de Teseo que descende para capturar a Perséfone; ou de Heracles que, con motivo do seu undécimo traballo, baixa ao Hades para se levar a Cérbero. Fronte a elas, a baixada de Orfeo resulta frustrante porque termina en fracaso, porén, tivo máis éxito entre os artistas pois pasou a simbolizar pouco a pouco o amor máis alá da morte.
3.- Morte
Orfeo regresou ao mundo dos vivos triste e desacougado por non conseguir recuperar a súa amada. A partir de aquí as versións varían. Unha di que ao seu regreso viviu illado, fiel a Eurídice e sen querer relación con ningunha outra muller, até o punto de que se lle atribuíu a invención da pederastia. Outra que ao seu regreso instituíu uns misterios baseados nas experiencias acumuladas no seu descenso ao Hades, nos que prohibiu a participación das mulleres. En calquera caso, Orfeo finalmente morreu a mans dunhas mulleres. Pero tamén neste punto as tradicións difiren. Segundo unha, Orfeo tivo que facer fronte a vinganza das mulleres tracias que, sentíndose rexeitadas, lle atacaron armadas con pedras e lanzas e o despezaron. Segundo outra, Orfeo morreu durante unha bacanal a mans das ménades ou bacantes, instigadas por Dioniso que estaba celoso do culto que o cantor tracio lle rendía a Apolo, e anoxado ante o desprezo que manifestaba polo seu.
Fosen unhas mulleres tracias, fosen as ménades, o corpo de Orfeo foi despezado e recollido polas musas que o enterraron en Pieria (ao pé do Olimpo), agás a cabeza e a lira que, botadas ao río Hebro (Tracia), chegaron até o mar. Empuxadas polas ondas alcanzaron a illa de Lesbos, onde os habitantes as recolleron e lles tributaron honras fúnebres. Dicíase que durante certo tempo da tumba erixida saían cantos e o son dunha lira. Lesbos converteuse desta maneira no berce da poesía lírica.
4.- O orfismo
En torno ao mito de Orfeo e o seu descenso ao Hades desenrolouse en Grecia toda unha doutrina filosófico-relixiosa, o orfismo, que exerceu unha gran influencia en todo o pensamento grego, desde Pitágoras a Platón, xa que, fronte á relixión oficial, daba respostas sobre un tema tan importante para o home como a salvación da alma. A doutrina órfica, que floreceu sobre todo na Ática e no sur de Italia a partir do século V a.C., chegou a influír nas crenzas primitivas cristiás.
Críase que Orfeo trouxera da súa catábase información sobre o traxecto que debía seguir a alma despois da morte para evitar as dificultades que lle esperaban. Converteuse Orfeo, entón, no profeta dunha relixión e de todo un modo de vida que, mediante a participación en ritos mistéricos de iniciación e de purificación, uso de fórmulas máxicas e prohibicións como a de non comer carne, buscaba a salvación da alma. Os iniciados nos misterios órficos crían que a alma, despois de se reencarnar tres veces, moraba na illa dos Benaventurados para sempre. Pero para alcanzar esta recompensa era necesario practicar os ritos iniciáticos e levar unha vida virtuosa. No sur de Italia e en Creta atopáronse tumbas de época helenística que no seu interior contiñan unhas láminas de ouro con versos escritos a modo de contrasinal fúnebre para o Hades.
A relixión órfica explicaba a orixe do mundo a partir dun ovo orixinal do que naceu o creador de deuses e homes, chamado Fanes (ou Eros). A parte superior de dito ovo converteuse na bóveda celeste e a inferior na terra. Ademais explicaba a orixe do ser humano e a existencia nel de bondade e maldade por medio do mito de Dioniso Zagreo. Os órficos contaban que os titáns capturaron e despezaron a un neno, chamado Zagreo e identificado con Dioniso, que logo comeron nun banquete. Zeus, en castigo, fulminou aos titáns co raio, e das cinzas xurdiu a raza humana. Con este mito explicaban a dobre natureza do home, a terrestre procedente dos titáns, e a divina procedente da carne de Zagreo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario