Aquiles
entra en cólera e retírase da loita polo agravio inferido por Agamenón
quen, tras devolver Criseida ao sacerdote Crises para aplacar a
Apolo, lle quita a súa recompensa (γῆρας), a escrava Briseida. A
retirada de Aquiles provoca a petición de Tetis a Zeus para que vengue o
ultraxe. Desde entón os aqueos comezan a ser acurralados polos troianos
ata que chegan a incendiar as naves. Nesta situación, Patroclo sae a
loitar coas armas de Aquiles, pero morre a mans de Héctor. A
desesperación de Aquiles ao coñecer a noticia vólveo cruel e vingativo.
Sae a loitar, depoñendo a súa cólera, coa soa intención de vingar ao
amigo morto. Enfróntase con Héctor, a quen mata, e ultraxa o seu corpo.
No último canto, Príamo cruza o campo de batalla e chega ante o asasino
do seu fillo, de quen logra finalmente que lle devolva o cadáver.
A
Ilíada de Homero preséntanos un mundo aristocrático, cunha xerarquía
similar á da sociedade micénica: soberano (wanax), basileis e destacados
no combate. Estes nobres gustan da guerra que lles proporciona gloria e
fama imperecedera (κλέος καὶ δόξα). Buscan a excelencia (ἀρετή) "ser sempre o mellor e estar por riba dos demais" αἰὲν
ἀριστεύειν καὶ ὑπείροχον ἔμμεναι ἄλλων, segundo palabras de Néstor.
Valoran tamén a elocuencia na asemblea, a familia, a amizade e a
hospitalidade, a camaradería
no banquete: o noble afianzaba o seu poder establecendo relacions en
actos festivos, nos que se cantaban poemas épicos, como os de Homero. Necesitan
evitar toda acción ou omisión que poida producir vergonza ou censura
social (cf. Héctor), pero teñen pouco ou ningún control dos afectos e
das pasions, e o caso máis destacado é o de Aquiles e a súa cólera. As
accións do home homérico están supeditadas á vontade dos deuses, que se
mesturan con eles no combate dirixíndoo ao seu arbitrio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario