O Departamento de Grego está organizando para este curso unha viaxe a Grecia que terá lugar na semana de Entroido, concretamente do 11 ao 18 de febreiro. Serán oito días nos que un grupo de alumnos de bacharelato, acompañados por dúas profesoras, visitaremos os seguintes lugares:
- A cidade de Atenas. Serán catro días moi intensos con visitas a:
- Acrópolis -recinto sagrado onde habitaba a deusa Atenea protectora dos atenienses-, e o seu novo museo.
- Olimpeion -templo de Zeus Olímpico erixido fora da rocha sagrada, en pleno centro da Atenas moderna-.
- Ágora -chaira aos pés da Acrópolis, auténtico corazón da vida pública ateniense-, e o seu museo.
- Museo Arqueolóxico Nacional, lugar onde poderemos ver moitas das marabillas da arte grega antiga: estatuiñas cicládicas, murais cretenses, vasillas e máscaras de ouro micénicas, cerámica e escultura arcaica, clásica e helenísitica.
- Atenas moderna: o Parlamento e o cambio de garda, o barrio de Plaka, o Estadio Olímpico, as igrexas bizantinas, os magníficos edificios neoclásicos, etc.
- Nos días de en medio cruzaremos o canal de Corinto e emprenderemos un periplo de tres días que nos levará ao Peloponeso a ver os recintos arqueolóxicos de Micenas, Epidauro e Olimpia. Atravesando o golfo de Corinto pola ponte máis longa de Europa (2004), chegaremos a Delfos a consultar o oráculo de Apolo. Desde Delfos viaxaremos cara ao norte para visitar os monasterios de Meteora. Finalmente regresaremos a Atenas facendo unha parada no desfiladeiro das Termópilas.
Para ilustrar esta viaxe, sirva este mapa:
No hay comentarios:
Publicar un comentario