Εἴ τι καλὸν μανθάνουσιν οἱ νεανίαι ἐν τῇ ψυχῇ αὐτὸ φυλάττουσιν.



jueves, 6 de febrero de 2014

A ODISEA

*Hoxe ímosvos falar dun heroe, Odiseo, coñecido tamén como Ulises.
Ulises é o prototipo de home astuto e aventureiro que consegue superar toda clase de perigos con tal de lograr o seu fin. *De feito, Homero chámalle “o urdidor de enganos”, “o de multiforme inxenio” (πολύτροπος), epítetos que o definen con claridade.*
É n´A Odisea de Homero onde se narran as peripecias de Odiseo no regreso a súa patria, a illa de Ítaca, despois de dez anos de guerra en Troia. *En Ítaca espéralle a súa muller Penélope e o fillo de ambos, Telémaco. Este regreso durará outros dez anos por mor da vinganza de Poseidón, *mais estará cheo de aventuras tan marabillosas que acabarán por converter o poema da Odisea nun dos mellores relatos de aventuras de todos os tempos, así como a palabra “odisea” en sinónimo de aventura, e ao seu protagonista, Ulises, nun símbolo universal.
Pois ben, quero presentarvos ás persoas que vos van narrar estas aventuras:

- á narradora vai ser LUCÍA
- Ulises: SARA
- o cíclope Polifemo: CARLA
- Aquiles: AGUSTINA
- ás sereas: ANDREA, MARÍA, CARMELA e ANA
- a música: ??
- -o presentador que vos fala + poeta: ERNESTO

Pero vaiamos á narración. Así comeza:



*MÚSICA enteira
῎Ανδρα μοι ἔννεπε, Μοῦσα, πολύτροπον, ὃς μάλα πολλά.......

Fálame, Musa, do varón arteiro que, despois de destruir a sagrada cidade de Troia, andou errante longo tempo, viu tantas poboacións e coñeceu os costumes de moitos homes; *o que padeceu no seu ánimo tantos traballos na súa navegación polo ponto, en canto procuraba salvar a súa vida e a volta á patria cos seus compañeiros.

Hoxe traémosvos aquí as aventuras deste varón de multiforme inxenio.
*Atrás deixamos en Ítaca aos pretendentes acosando a Penélope para que escolla marido, e a Penélope coa súa artimaña de tecer de día e destecer pola noite para retrasar esa decisión; *tamén deixamos atrás a Telémaco, o fillo de Penélope e Ulises, navegando en busca de novas do seu pai.
*Deixamos atrás todos estes episodios para centrarnos en Ulises. Este, tras pasar sete anos retido pola ninfa Calipso na illa Ogígia, *consegue unha balsa e chega ao país dos feacios.
Alí é acollido hospitalariamente, *primeiro por Nausícaa, e logo polos pais dela, os reis Alcínoo e Arete.
No transcurso dun banquete celebrado na súa honra, o heroe preséntase con estas palabras ante os feacios:

* “Son Odiseo Laertíada, ben coñecido de todos os homes polas miñas astucias de toda clase, e a miña gloria chega até o ceo. Habito en Ítaca, *que se ve de lonxe, unha illa rochosa, mais boa criadora de mozos, e eu non podo achar cousa algunha que sexa máis doce que a miña patria.

MÚSICA

A continuación Ulises conta aos feacios as súas aventuras nunha especie de flash back.
  1. *Odiseo comeza a narración no momento en que el e os seus homes parten de Troia e, tras fuxir dos cícones, chegan ao país dos lotófagos (“comedores de loto”).
*Os lotófagos deron a comer loto a algúns dos meus homes, e cantos probaron este froito, doce como o mel, xa non querían regresar, antes desexaban permanecer cos lotófagos, comendo loto, sen lembrarse do regreso á patria.
Odiseo non ten máis remedio que obrigalos a embarcar pola forza. *
  1. A continuación contará a aventura dos cíclopes, que uns sitúan na illa de Sicilia e outros en Cumas.
A continuación chegamos as terras dos cíclopes, soberbios e sen lei, que nin prantan árbores nin labran os campos, *senón que todo lles nace sen semente e sen arada e faíllelo medrar a chuvia enviada por Zeus. Non teñen ágoras nin leis senón que viven nos cumios de altos montes, dentro de excavadas grutas…
*Nunha desas grutas moraba un varón xigantesco, solitario, que entendía en apacentar rabaños lonxe dos demais homes, sen tratarse con ninguén…
*Entran na caverna onde habita o cíclope Polifemo, pastor de ovellas, que ao chegar devora a varios dos homes e mantén aos demais pechados na gruta mentres sae co seu gando. *Ocórreselle a Odiseo embriagar ao cíclope e, cando xa se atopa algo bébedo, dille a Ulises:

*-Dame de bo grado máis viño e faime saber axiña o teu nome

-Cíclope, preguntas cál é o meu nome e voucho dicir. Meu nome é NINGUÉN e NINGUÉN chámanme miña nai, meu pai e os meus compañeiros.

*-Pois a NINGUÉN comereimo o derradeiro, despois dos seus compañeiros; tal será o don hospitalario que che ofreza.

A continuación o cíclope queda durmido. *Mais como non o poden matar porque o necesitan para separar a enorme rocha que tapa a entrada da cova, collen unha estaca de oliveira *e crávanlla no seu único ollo. O cíclope, que agora está cego, intenta inútilmente recibir axuda dos outros cíclopes da illa, *pois ás preguntas destes Polifemo responde que “Ninguén” o atacou. *Ao día seguinte conseguen saír da cova desta maneira:
Había uns carneiros ben alimentados, fermosos, grandes, de espesa e escura la; *ateinos de tres en tres, entrelazando vimbios daqueles sobre os que durmía o monstruoso e inxusto cíclope; *e así, o do centro, levaba a un home e os outros dous ían a entrambos lados para que salvasen aos meus compañeiros. *Tres carneiros levaban, pois, a cada home. Mais eu, vendo que había outro carneiro que sobresaía entre todos, *collino e agarreime con ambas mans á abundantísima la.
Cando se descubriu a filla da mañá, a Aurora de rosáceos dedos, Polifemo deixou saír as ovellas a pacer, *palpando o lombo a todas as reses que estaban de pé, mais non advertiu que os meus compañeiros ían atados aos peitos dos animais.
*Este episodio atraerá sobre Odiseo a cólera de Poseidón, pai do cíclope, quen a partir de agora lle vai facer a navegación aínda máis difícil. *
MÚSICA
  1. A continuación chegan á illa onde habita o señor dos ventos Eolo, *que entrega a Odiseo un odre de pel de boi no que estan encerrados todos os ventos contrarios, agás o Céfiro que debe conducilo directamente a Ítaca, advertíndolle que non o abra até chegar a porto. * Mais cando xa avistan a illa, os compañeiros de Ulises, sospeitando que os engana e crendo que dentro hai un tesouro, abren o odre mentres o heroe durme. Axiña os ventos escapan e desencadean unha tempestade que os leva de novo a Eolia. Porén, esta vez Eolo négase a axudalo.*
  2. Tras a aventura cos lestrigóns, *ancoran nunha cala da illa de Eea, onde reina a feiticeira Circe, que converte en porcos a varios compañeiros. *Pero cando Circe toca coa súa variña a Ulises, este permanece inmune ao feitizo, grazas a unha pranta máxica *(moly) que lle proporcionara o deus Hermes, e obriga a Circe a devolver aos compañeiros o seu aspecto humano.
*Oh Circe! Que home querería probar a comida e a bebida antes de liberar aos compañeiros e contemplalos cos seus propios ollos?
Así dixen. *Circe saíu do palacio cunha vara na man, abriu as portas do cortello e sacou aos meus compañeiros coa figura de porcos de nove anos. *Untounos cunha nova droga e axiña caeron dos membros as cerdas que antes lles fixo medrar a perniciosa droga suministrada pola veneranda Circe, *e os meus amigos volveron a ser homes de novo, máis mozos aínda e máis fermosos e altos.
Porén, Odiseo permanece xunto a Circe un ano e ten con ela un fillo, chamado Telégono. Transcorrido ese tempo Ulises pensa xa en regresar.
MÚSICA
  1. *Circe accede a que se vaian, mais antes Ulises deberá baixar ao Hades a consultar a sombra do adiviño Tiresias sobre o seu regreso a Ítaca. *O adiviño predille que o camiño de regreso estará cheo de novos perigos, advertíndolle que non toque as vacas de Helio, que chegará só a Ítaca e terá que matar os pretendentes. No Hades encontra a moitos coñecidos, que xa morreran, entre eles a Aquiles:
*-Oh Aquiles, fillo de Peleo! Ti es o máis feliz de todos os homes que naceron e nacerán, posto que antes, cando vivías, os aqueos te honrábamos como a un deus, e agora, estando aquí, imperas poderosamente sobre os difuntos. Polo tanto, oh Aquiles!, non debes entristecerte por estar morto.
*-Non intentes consolarme da morte, esclarecido Odiseo: preferiría ser labrador e servir a un home indixente que tivese pouco caudal para se manter, a reinar sobre todos os mortos.
  1. *Xa de volta do Hades, parten de novo e chegan á illa do Mediterráneo na que habitan as sereas. Alí, seguindo os consellos de Circe, *os homes tapan as orellas con cera e Odiseo faise atar ao mastro da nave para poder escoitalas e non sucumbir ao seu doce e irresistible canto. Ordena ademais que non o desaten por moi insistentes que sexan os seus rogos.
*-Achégate, célebre Odiseo, gloria insigne dos aqueos, e detén a nave para que escoites a nosa voz. Ninguén pasou na súa negra nave sen oír a suave voz que flúe da nosa boca.
*-O meu corazón sentiu ganas de escoitalas, movín as cellas, mandando aos compañeiros que me desatasen, pero non me fixeron caso e seguiron remando. Dous deles erguéronse e atáronme con novos lazos que me suxeitaban máis reciamente.
Desta maneira conseguen fuxir das sereas e seguir a viaxe.
MÚSICA
  1. *Chegan despois ao estreito de Mesina, no que habitan dous monstros a cada lado. Nun lado está Caribdis, *monstro non personificado que habita nunha rocha. Tres veces ao día aspira as augas do mar *e outras tres expúlsaas pola súa boca xigantesca, tragando á vez todo o que hai arredor. En fronte, nun escuro antro, habita Escila, *que posúe un corpo de muller na súa parte superior, pero nácenlle das inguas seis cans, con doce espantosos pés, seis longos pescozos e seis horribeis cabezas con outras tantas bocas; cada boca contén tres ringleiras de dentes cos que mata e devora aos navegantes. Odiseo escolle a Escila
*Escila colleu da cóncava embarcación aos seis compañeiros que máis sobresaían pola súa forza. Cando quixen volver os ollos, vin no ar os pés e as mans daqueles que eran arrebatados e que me chamaban co corazón afrixido. Da mesma maneira que un pescador, cando bota desde un promontorio o cebo aos peixes cunha longa caña e, así que colle un peixe, o saca palpitante; así tamén os meus compañeiros, palpitantes, eran levados ás rochas e alí, na entrada da cova, eran devorados por Escila, mentres berraban e me tendían os brazos nunha loita terrible.
Desta maneira, Odiseo só perde seis homes e consegue escapar de Caribdis.
  1. *Arriban á illa de Trinacria onde pacen as vacas de Helio. Os homes infrinxen a prohibición e comen algúns animais sagrados. Helio queíxase ante Zeus e este no medio dunha terrible tempestade destroza o navío cun raio. *Só logra salvarse Odiseo agarrándose a un madeiro.

  1. Tras nove días á deriva aferrado ao mastro, chega só á illa Ogígia onde habita a ninfa Calipso. *Esta, namorada do heroe, reteno ao seu carón durante sete anos. Porén, *malia lle ofrecer a inmortalidade e a eterna xuventude, non pode facer desaparecer do heroe *o desexo de volver a Ítaca e finalmente permítelle a construción dun navío.

  1. Xa no país dos feacios, o rei Alcínoo conmovido polo relato das aventuras de Odiseo, facilítalle unha nave para regresar a Ítaca. *

MÚSICA enteira


Os textos en blanco = narrador (Lucía)
O texto verde = presentador + poeta (Ernesto)
O texto vermello = Odiseo (Sara)
Os textos azuis = Cíclope (Carla)
O texto morado = Aquiles (Agustina)
O texto laranxa = Sereas (Andrea, María, Carmela, Ana)
Música= Nico?






No hay comentarios: